O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

23 de maio de 2013

Miro Villar, dando que ler.


Tamén eu son un autor da casa literaria de Toxosoutos. O 13 de decembro, día da Santa Lucía, que quita da noite e mete no día, ou pola Santa Lucía medra o día a pata dunha galiña (as dúas sentinllas dicir a miña nai), ollei os primeiros exemplares do meu poemario Breizh, que se mal non contei fai o número 89 da colección Nume, a día de hoxe dirixida polo filólogo ourensán David G. Couso, a quen agradezo a súa confianza na miña proposta poética.
A mesma colección Nume que inaugurou en 1994 outro libro da miña autoría 42 décimas de febre. Naquela altura o seu director era o lembrado e chorado escritor Xosé Agrelo Hermo (1937-2006), que tratei e co que estiven nunha homenaxe que se lle fixo en Esteiro antes de finar, aínda que nesa publicación tivo moito que ver o poeta Paco Souto que nesa altura traballaba para a editorial.
Son dúas razóns moi poderosas para sentirme da casa literaria de Toxosoutos, mais tamén como lector nos meus ateigados andeis hai unha boa restra de títulos de ensaio, narrativa e, sobre todo, poesía que levan impreso o carimbo da Editorial. Por todo isto, podo dicir ben alto: Parabéns a Toxosoutos no seu XXV aniversario!!! Saúde e mil primaveras máis de andaina editorial!!!

© Miro Villar